Anthrax, Sepultura, Talco e moitos máis únense ao Resurrection Fest 2017

Por fin podemos anunciar novas bandas que se engaden ao cartel. A maquinaria do Resurrection Fest non se para, e aquí as tedes!

Unha das bandas máis importantes da historia do thrash metal, un dos Big Four, estará por primeira vez en Viveiro: Anthrax estarán no Resurrection Fest! Scott Ian, Joey Belladonna, Charlie Benante e Jonathan Donais farannos vibrar cos seus potentes directos, circle pits e o resto de trallazos que teñen na súa extensa discografía e serán uns dos atractivos principais do cartel.

Outra lenda do metal, Sepultura, visitaránnos tamén por primeira vez para montar toda unha festa durante o día da warm-up de presentación. Capitaneada por Andreas Kisser e con Derrick Green ás voces, non faltarán tódolos himnos que ten a banda como “Roots Bloody Roots”, “Refuse/Resist”, “Arise” e moitos máis. Todo un honor ter a unha das bandas de metal máis importante de tódolos tempos! Xunto a estas dúas, tamén traemos a unha banda alemá de death metal chamada Deserted Fear no Chaos Stage presentando o seu novo traballo “Dead Shores Rising”.

Por outro lado, temos que lamentar a cancelación por motivos alleos á organización de Bouncing Souls, pero alégranos poder anunciar que outra das bandas máis en forma dentro do xénero a día de hoxe, The Menzingers, actuarán no festival. Os italianos Talco, unha das bandas de ska máis importantes da actualidade, será un dos grandes reclamos do escenario Ritual Stage, e estarán acompañados doutro grupo mítico como é Undeclinable Ambuscade, quen se reuniron este ano tras 8 anos de silencio. Para a festa de presentación, a súa vez, disfrutaremos do lexendario CJ Ramone tocando tódolos seus novos temas e por suposto, o mellor de Los Ramones. Vai ser unha gozada!

Para os amantes do metal moderno, teremos aos canadienses Obey The Brave e o seu potente directo cheo de breakdowns, e na warm-up aos mexicanos Here Comes The Kraken, trala súa cancelación de última hora no 2012, e tamén a Parazit.

Por último, dende Galicia teremos a dous vellos coñecidos: Aphonnic, que nesta ocasión tocarán na festa de presentación, e a Display of Power, un dos mellores tributos de Pantera do mundo, que nos fará saltar a altas hora da noite pechando un dos días.

A falta dalgunhas bandas do after party e o band contest, o cartel queda polo momento como vedes embaixo. Recordade, haberá ata 100 bandas repartidas ao longo de 4 días e 4 escenarios. Todo un luxo! E en breves, as que quedan, o reparto por días, tódala información de tódalas acampadas e moitas sorpresas máis.

Como sempre, esperamos que vos gustaran as novas incorporacións e esperámosvos en Viveiro para vivir a mellor semana do verán!

CATEGORÍAS: Resurrection Fest